Pepe Evangelista

 
 

Sempre é motivo de celebración a aparición de novas composicións para guitarra dun compositor galego, que ultimamente parece acontecer con certa frecuencia, pero neste caso a celebración é por partida dobre, posto que se trata dun novo traballo do compositor da nosa terra que máis escribiu para guitarra, Pepe Evangelista. Imaxes representa unha colección de diversas pezas inspiradas en elementos da paisaxe cotiá, climatoloxía ou mesmo animais. Pepe Evangelista na súa plenitude creativa preséntanos unhas obras cunha linguaxe sinxela descritiva e  cunha finalidade marcadamente pedagóxica, sen esquecer os elementos musicais máis básicos como a harmonía e a melodía, que sempre están tratados dende unha perspectiva moi lograda.

A súa primeira peza que leva por nome “Porta”, permite realizar un traballo de ligados sinxelos a través dunha sucesión de arpexos. Na segunda peza “Chuvia” utiliza un compás flexible e as notas van conformando a melodía acompañada polo goteo constante dos arpexos de corcheas. A terceira, “Abrente”,  ten un deseño moi similar a primeira peza e ten as características dun “estudo” de arpexos. “Nubes” é unha peza cunha sonoridade especial ao mesturar as cores das cordas pisadas máis alá do quinto traste coa cor brillante das cordas ao aire. “Ponte” ten un carácter moi minimalista e etéreo, cunha melodía moi sinxela que invita á meditación a través da súa repetición deliberada de estruturas e o seu deseño formal tan claro. O autor homenaxea ao Beatle George Harrison nunha peza dinámica na que predomina o compás de sete por oito. “Río” caracterízase por ter unha melodía moi fermosa que transcorre a través dun desenvolvemento harmónico máis elaborado que as anteriores pezas. Para cerrar brillantemente o ciclo Imaxes, “Anduriñas” desprega unha melodía na rexión grave con áxiles arpexos ascendentes e descendentes que imitan o voo deste paxaro.

Atopámonos polo tanto co talento dun compositor que encontrou  seu camiño de expresión ao longo de anos de traballo, reflexión e experimentación postos ao servizo da guitarra e a súa ensinanza. Non podemos senón dar as grazas pola oportunidade de participar neste fermoso proxecto.

MATEO ARNÁIZ e RAMÓN CARNOTA

Corrección do texto: Silvia Guntín Araujo

Imaxes